Páginas

4 may 2013

Arteterapia

Boas!

Hai unhas horas mentres camiñaba pola rúa, dinme conta de que me sinto diferente, teño outro andar, outra postura, outra respiración, outra mirada, outra forma de estar no mundo... outro sentir. Entón mirei cara un bosqueciño cercano e co verde viu a mín unha imaxe, a da camelia que pintei en arterapia en Eomaia. E, fun máis consciente aínda do ben que supuxo para mín a sesión do martes coa camelia, co meu interior, co meu exterior, coa vida mesma.

Cóntovos un pouco máis da experiencia. Cheguei un pouco tarde á clase e entón pintei noutra habitación e, como eu desexara o día anterior, pintei con pinturas pastel por suxerencia das facilitadoras da sesión, Luzía Titán e Donatienne Theytaz. Déronme tamén unha camelia para que fora a miña inspiración e eu decidín empregala como modelo. Comecei a pintar polo centro, indo cara a fora pouco a pouco, rodeando o centro, circulando... Houbo un momento no que fun consciente de que sentía que eu era a camelia e ía dándome dende dentro protección, sacando o de dentro cara fora. Cando rematei a camelia, sen ter rematado o fondo, xunteime cos meus compañeiros para facer unha posta en común de cada traballo. Tiven a oportunidade de expresar o que sentín debuxando e agradecer de corazón ás facilitadoras a proposta de traballo. Para rematar o debuxo, pintei un fondo verde con follas verdes da camelia, co cal sentín que me anclaba á terra. Foi maravilloso.

O mesmo martes, xa me atopei diferente, e sigo sentindo algo diferente cada día, a medida que me vou enfrentando a diferentes situacións e comprobo que as miñas reacción non son as mesmas. Agora a miña forza interior maniféstase. Síntome segura, valente, decidida, valiosa, amada, capaz e sabia, entre outras moitas emocións que me sorprenden, me agradan e me alegran.


Deixóvos un pequeno exemplo dun traballo que fixen en arteterapia, se consigo foto da camelia, súboa ;)

Aloumiños!

Arco da vella