Páginas

28 sept 2012

Historia de dous abortos


Ola :)

Moitas veces ó pronunciar a palabra aborto veñen a nos, diferentes emocións, casi todas producidas pola nosa aprendizaxe, que depende moito das nosas vivencias, tanto as propias como as alleas, que pasan a ser nosas no momento que as escoitamos.

Eu, quixera falar da miña experiencia, das miñas experiencias, de dous abortos completamente diferentes, de dúas situación vitais e mortais ó mesmo tempo.

Hai agora tres anos, decidín abortar, decidimos abortar eu o meu compañeiro. Foi unha decisión dolorosa, aínda que vivida dende una total racionalidade e moi pouca conexión consciente coa vida que nacía no meu ventre. Cando tivemos a visita coa psicóloga, contounos que se quixésemos telo, iba a ser moi complicado, posto que eu tomaba unha mediación para a tuberculose que provocaría problemas en todo o desenvolvemento embrionario, resultando algúns incluso incompatibles coa vida. No momento do legrado, o xinecólogo confirmoume que o aborto houbérase producido aínda que non se fixera de forma voluntaria. A mín nese momento, dábame igual que estivese xustificado ou non o aborto, eu tiña as ideas moi claras, o que non tiña moi claro eran os meus sentimentos. En lugar de escoitarme, de permitirme sentir tristeza, pena, pérdida, duelo... eu quixen seguir ben, era a miña decisión, non tiña dereito á pataleta. E sin embargo, eu sufría moito, moitísimo, pola vida que deixara de medrar dentro de mín, por non ter acollido a ese ser que formara parte de mín durante dez semanas (o tempo que tiven que esperar para o legrado). Durante o tempo que estivemos xuntos, sin pretendelo, creouse un vínculo, creamos un vínculo, tanto o bebé comigo, coma o bebé co meu compañeiro, coma nos co bebé y tamén entre nos. Ó bebé puxémoslle un nome, Pepiño, e sen querer facelo, falábamos con el, sentíamolo, incluso despedímonos del. Todo isto pasaba sen que nos quixéramos que pasara, ou polo menos, decíndonos coa mente, que non había vínculo, que non nos daba pena, que tiña que ser así. E así foi, e calamos a nosa verdade, levámolo todo en silencio, por medo, por vergoña, por arrepentimento... por inconsciencia. Ocultámoslle ó mundo a nosa vivencia, ocultámola entre nos, ocultámola na nosa intimidade, ocultámola no noso ser, no máis profundo, e acabou por convertirse nunha parte máis da nosa sombra.

Durante moitos anos estivo con nos todo ese proceso sin procesar, cada vez nacían máis sentimentos, o gran de area convertiuse nunha praia, e todo pola negación da dor, do amor, de calquer sentimento, de calquer acción que provocara un desequilibrio. Quixemos borrar o suceso, e se algo aprendimos, aprendín, foi que as feridas non se poden tapar, deixan cicatriz queiramos ou non, e hai que lambelas para que curen.

Hai dous meses, tiven, tivemos un aborto espontáneo. Neste caso estaba embarazada ós dous meses de comezar a ter sexo sen precaucións, como din habitualmente, de intentar quedarme embarazada. Na séptima semana comecei con manchiñas marróns e tardei uns días en ir ó medico. Cando fun, confirmouse o embarazo cun test e ó memo tempo tiven que ir a urxencias con ameaza de aborto. Fun, e fixéronme unha ecografía vaxinal moi invasiva. Ese mesmo día e os seguintes, sangrei como se me houberan cortado, era sangre fresca, de cor vermella. Ó final o domingo fun a urxencias cun sangrado moi grande e xa non houbo volta atrás, estaba no proceso de expulsión do embrión. Quedeime no hospital, déronme pílulas para expulsar e ó final fixéronme un legrado. Ésta experiencia foi vivida en todo momento, dous días despois da primeira eco vaxinal, falei co bebé, Raio, xa que sentín que algo non ía ben, díxenlle que se non estaba ben, podía marchar, e que se quería quedar e loitar, eu estaba aquí para el. Unhas horas máis tarde comezou o sangrado grande. Mentres esperaba a expulsar "os restos" todo foi ben, despedinme de Raio e apareceu ó seu carón o seu irmán, Pepiño. Foi algo moi fermoso e emotivo, permitinme a dor e así atopei a paz, permitínme a pena e así atopei a ledicia. Neste caso, contei, contamos o que pasou e como nos sentíamos, aprendín, aprendimos dela, fumos conscientes de como nos sentíamos, compartímolo entre nos e disfrutamos moito desta experiencia. Comezou unha viaxe ó noso interior, unha viaxe moi profunda, que nos deu a oportunidade de sanar a experiencia anterior, de sanar moitas partes da nosa sombra. Para nos, foi un regalo, unha experiencia de vida e morte, que trouxo moita vida e moita morte.

Adícolle ésta entrada a todas aquelas nais e pais que teñen fillas olvidadas, que sempre formarán parte da nosa vida, que son a nosa vida. E tamén a aqueles seres que estando pouco tempo con nos, tanto nos ensinaron. Grazas por estar aquí.

Apertas uterinas <3

Día 27: fase premenstrual



No hay comentarios:

Publicar un comentario