Páginas

28 ago 2012

A arte da cociña enerxética

Hai pouco máis dun ano, nuns días de meditación profunda, nos que fun deixando de inxerir alimentos, de relacionarme, de falar... Descubrín que unha parte de mín quería traballar coa alimentación para sanar. Entón, algúns temas que pasaban desapercibidos ou incluso ignorados adrede, tomaron moita presencia na miña vida. Así dinme conta de que a páxina dunha amiga, que visitaba con frecuencia, falaba de alimentación enerxética. Unhas semanas despois de falar con ela, estudie con Montse Bradford en Barcelona durante 8 seminarios alimentación enerxética. No tempo que durou o curso, merquei algúns libros publicados pola miña mestra e apoiándome coas clases, entrei nun proceso de rexeneración persoal.

Das primeiras cousas que me aconteceron foi recuperar o amor pola cociña. Recordo perfectamente o primeiro de clase práctica, no que me ensinaron a coller mellor un coitelo e a cortar con máis destreza unhas cebolas. E, ó día seguinte, cando repetín o proceso para elaborar outro prato, a miña compañeira dese día eloxioume pola miña habilidade, sen saber dos meus comezos o día anterior. O que pasou, foi que ó cociñar con Montse e o seu equipo, descubrín que cociñar é algo máis que coller un coitelo e cortar con certa destreza, descubrín que cociñar é expresarte a través dos alimentos escollidos, de como os manipulas, das preparacións; descubrín que cociñar é conectarte co teu interior para saber qué facer a cada momento; descubrín que cociñar é unha arte.

Gustaríame engadir que eu, ata hai pouco máis dun ano, soamente entraba na cociña para axudar ó meu compañeiro, e agora case sempre cociño eu ou cociñamos xuntas. E cociñar convertiuse nunha meditación moi profunda, dinámica, divertida, enriquecedora... nun momento de absoluta presencia.

Contareivos máis experiencias da cociña enerxética en vindeiras publicacións. Mentres tanto, quero citar a Hipócrates coa a seguinte frase: "que o teu alimento sexa a túa menciña, e que a menciña sexa o teu alimento"

Se algunha quere saber máis sobre alimentación enerxética, aquí estou para acompañala na viaxe que supón coñecer e empregar a enerxía dos alimentos para obter equilibrio físico, mental e emocional.


Bo proveito ;)

Encarna Llor

No hay comentarios:

Publicar un comentario